ACTO DE MOBILIZACION EXPANSIVA EN BRUXELAS, PLATAFORMA QUEREMOS GALEGO, DIA DAS LETRAS GALEGAS, MARTES 17 DE MAIO ÁS 19 HS

TEXTOS DE CASTELAO SUXERIDOS PARA A LECTURA O 17 DE MAIO         

– “Ningún idioma alleo —por ilustre que sexa— poderá eispresar en nome do noso os íntimos sentimentos, as fondas doores e as perdurables espranzas do pobo galego; se aínda somos diferentes e capaces de eisistir, non é máis que por obra e gracia do idioma”.

– E diríalles máis: “Prohibíchedes o galego nas escolas para producir no esprito dos nosos rapaces un complexo de inferioridade, facéndolles creer que falar galego era falar mal e que falar castelán era falar ben. Espulsáchedes o galego das eirexas, facendo que os representantes de Cristo esplicaran o Evanxeo no idioma oficial, que o pobo non falaba nin comprendía ben. Refugáchedes o galego ante os Tribunaes de xustiza e chegáchedes a castelanizar barbaramente as toponimias galegas. ¿E de que vos valeu? Porque dispois de máis de catro séculos de política asimilista, exercida con toda riqueza de astucias e violencias, o noso idioma está vivo. Sodes, pois, uns imperialistas fracasados”.

– Por outra banda, consideramos como actos bárbaros os atentados á vida dos idiomas. ¿Que diríamos se o Estado mandase derrubar o Pórtico da Groria? Pois eu digo que o noso idioma é unha obra de arte mil veces superior á obra do mestre Mateos. Creouna o xenio inviolable do noso pobo e labrouna o amor, a door e a ledicia de moitísimas xeracións. Unha língoa é máis que unha obra de arte; é matriz inagotable de obras de arte.

– Se Galiza non reclamase a oficialidade do seu idioma e o dereito a usalo como língoa vehicular do enseño, ¿podería presumir de capacitación política para rexir a súa vida? Porque a concencia da propria personalidade e os anceios de salvar a imponderable riqueza do seu esprito son a garantía moral que

Galiza oferece para merecer a liberdade

– ¿Con que dereito se nos obriga a deprender a língoa de Castela e non se obriga aos casteláns a deprender a nosa? ¿Con que dereito se prescinde do idioma galego nas escolas de Galiza para que os galegos non se afagan a leelo e non seipan escrebilo?

– O que nos preocupa e indina é que o galego sexa un idioma proscrito das escolas primarias de Galiza.

– O día que houbese unha lingua universal, os galeguistas serían os primeiros en decir que nas escolas, ademais de enseñar o galego se enseñase tamén esa lingua. O que pasa é que o Estado o que quixera, como xa se dixo, era que abandonásemos a nosa lingua e que non adeprendésemos ningunha máis que o castelán

– Por intuición de raza domiñante, saben moi ben cal é a eficacia do idioma, e n-esta custión endexamais transixen. Para eles en Hespaña non hai máis idioma que o castelán; os outros son maneiras lamentables, descorteses, burdas, dexeneradas de falar, e imponse a súa eliminación pol-o ferro e o lume. Eles detrás do mostrador escoitan i entenden o galego; até o falan —¡é un elemento para o axuste!—; pero non poden concederlle rango de idioma. Os galegos que se formaron n-esta escola, castelanizáronse fortemente, e á semellanza dos seus xefes prohibiron aos fillos que falaran en galego —que era así como un pasado vergoñento, un antecedente lamentábel e denigrante.

– Galiza ten unha língoa propria, criada no berce de outra anterior —probabelmente céltiga—, que é filla do latín, irmán maor do castelán e nai do mal chamado portugués, en cuia língoa se produxo un dos moimentos líricos máis antigos e ademirabeis de Europa. E se a língoa non fose un distintivo nacional,porque non respeta fronteiras e vemos que unha mesma língoa pode servir de lingoaxe a diversas nacións, xusto será recoñecer que, polo menos, o idioma galego —hoxe falado en varias partes do mundo— é natural de Galiza, porque alí nasceu e alí se criou e fixou literariamente.

– Algúns galegos de boa fe coidan que o cultivo do noso idioma é unha impedimenta de traballo na emigración. Mais eu quero invitalos a meditar: ¿Pensades que a nosa Terra pode seguir sendo un criadeiro de carne humana, para enviar ás Américas en paquetes teutóns? Porque o noso deber está en asegurar o dereito ao traballo remunerado, para que ningún irmán noso emigre por necesidade. ¿Pensades que os galegos poden seguir andando polo mundo a ofereceren indiñamente a mercancía dos seus lombos e dos seus brazos? Porque o noso deber está en armar ao pobo dunha instrución primaria, profesional e técnica, que lle permita ser diño en todas partes, i en todas partes atopar as ventaxas que se lle oferecen a un inglés, a un alemán… ¿Ou é que na emigración resulta superior un castelán a un galego por falar unha língoa máis estensa? A superioridade non está no idioma que se fala; está no que se sabe, no que se di e no que se fai.

Castelao (1886-1950)

Advertisements